miércoles, 13 de abril de 2011

NEN UN PASO ATRÁS

Aquí estamos de novo ante un partido vital, outra das finais que nos quedan das que xa falamos en repetidas ocasións. Esta vez non hai nada especial preparado pero iso non debe restar interese, nin debe ser indicativo de relax para nós e o resto de afeccionados. Xogámonos o mesmo ou máis que no anterior encontro disputado ante o Mallorca, pero esta vez ante un rival directo, que o podemos meter no pozo. O club estase movendo poñendo entradas a prezos populares (3 entradas a 5 euros para os socios) entre outras iniciativas, para conseguir levar o maior número de deportivistas ás bancadas de Riazor.

Parece que a climatoloxía nos vai respectar durante toda a mañá e tarde do domingo, así que compañeiros o sábado marchade cedo á camiña xa que o domingo temos outra dura batalla para conseguir manternos en 1ª e, ao igual que en anteriores ocasións, debemos marcar ao equipo o camiño a seguir, para que os xogadores se contaxien da nosa forza e a utilicen no terreo de xogo para conseguirmos unha nova vitoria.

O domingo debe ser outra festa branquiazul, outra demostración de que a cidade e o deportivismo non vai abandonar ao seu equipo nestes tempos malos, así que desde ben cedo debemos volver a tinguir os arredores de Riazor de cor branquiazul. Hai que loitar en vida, xa que lamentarse non levará nunca a nada e iso imos deixarllo aos perdedores. Durante esta dura tempada deixamos bastante clara a fidelidade ao noso equipo e agora só nos queda a recta final onde debemos apertar se cabe con máis forza.

O dito, o domingo a abarrotar de novo as rúas e a bancada, non pode faltar ninguén, xuntos conseguirémolo. Unión e Compromiso para todos.

Forza Depor.